Coñéceme
Detrás de cada proxecto hai decisións, experiencia
e unha maneira de entender a tradución. Aquí cho conto.
TRADUCIÓN AUDIOVISUAL
SUBTITULACIÓN
ACCESIBILIDADE
AUDIODESCRIPCIÓN
ADAPTACIÓN A DOBRAXE
REVISIÓN DE TEXTOS
EDICIÓN PROFESIONAL
ADAPTACIÓN CULTURAL
RESPEAKING
SUPERPOSICIÓN DE VOCES
COÑÉCEME
Chámome Abraham díaz LÓPEZ…
…e dende moi novo sentín unha gran curiosidade polos idiomas e as culturas. Ese interese levoume a iniciar en 2009 o grao en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo, traballando con inglés e francés como linguas de orixe e castelán e galego como linguas de destino.
Durante a carreira vivín unha experiencia que marcou especialmente a miña traxectoria profesional: unha bolsa Erasmus na University of Liverpool durante o curso 2010/2011. Alí puiden coñecer de primeira man a cultura e o idioma británicos (incluído o peculiar acento scouse) e, de forma case inesperada, foi tamén nesa etapa cando comecei a estudar portugués.
Ó regresar a Vigo para completar os últimos anos do grao, continuei a miña formación en portugués no Instituto Camões e empecei a dar os meus primeiros pasos profesionais colaborando como tradutor con LifeInsideUK e como subtitulador con Pequerrecho Subtitulación. Estas primeiras experiencias foron clave para afianzar o meu interese pola tradución audiovisual, un ámbito que co tempo se convertería na miña especialidade e preferencia.
Co título aínda recente, iniciei unha segunda etapa no Reino Unido, desta volta en Londres. Tras un período de prácticas en Absolute Translations, pasei a formar parte do seu equipo fixo como xestor de proxectos e traballei durante dous anos nun ambiente internacional que me permitiu coñecer de preto o funcionamento real do sector e aprender de compañeiros, clientes e profesionais da tradución.
Ó mesmo tempo, cursei un máster en Tradución Audiovisual e Accesibilidade na University of Roehampton, onde profundei nas miñas principais áreas de interese: subtitulación para oíntes e persoas xordas, audiodescrición, dobraxe e voces superpostas.
Esta especialización levoume posteriormente a iniciar unha nova etapa profesional en Cataluña, traballando como subtitulador en Multisignes. Alí utilicei a técnica do respeaking para subtitular en directo programas de televisión para RTVE, ademais de crear subtítulos para cursos en liña, conferencias e festivais de cine.
En 2016 decidín dar o paso e comezar a traballar como tradutor autónomo. Dende entón (cun paréntese de case dous anos para formar parte do equipo de Domestika, onde subtitulei numerosos contidos artísticos e tiven a oportunidade de colaborar con profesionais excepcionais) sigo inmerso nun camiño profesional marcado pola aprendizaxe constante e novos retos.
Quen llo ía dicir a aquel mozo que chegaba a Vigo en 2009 cheo de ilusión e tamén de incertezas! Hoxe, tras máis de quince anos de experiencia, sigo gozando da tradución coma o primeiro día, cunha ollada curiosa, crítica e comprometida coa calidade.
Se queres coñecer máis detalles sobre a miña traxectoria ou saber como podo axudarche no teu proxecto, non dubides en poñerte en contacto comigo ou consultar o meu CV.
Contacto
Se o prefires, podes mandarme un correo ou escribirme un WhatsApp a…
- abraham@adiaztrad.com
- (+34) 639 26 13 63
